Aviso! Esta tradución está moi desfasada, consulte o orixinal.

O sitio web de Debian en distintos idiomas

Esta páxina tamén está dispoñíbel nos seguintes idiomas:
Como configurar o idioma predeterminado do documento

Obviamente, non todo o mundo fala o mesmo idioma. A medida que a rede medra, é cada vez máis común atopar páxinas dispoñíbeis en múltiples idiomas. Por iso se introduciu un estándar, chamado negociación de contido, que permite a calquera estabelecer o idioma ou idiomas nos que prefiren recibir o documento. A versión que realmente se envía negóciase entre o navegador e o servidor. O seu navegador envía as súas preferencias e o servidor decide a versión a enviar baseándose nelas e nas versións que haxa dispoñíbeis do documento.

Fíxese en que escoller un idioma distinto (das traducións dispoñíbeis listadas na parte inferior da páxina) só mostrará a páxina actual nese idioma. Non cambia o idioma por defecto. Se pulsa a ligazón a unha páxina diferente, volverá a mostrarse no idioma orixinal. Para cambiar o seu idioma por defecto debe cambiar as súas preferencias de idioma na configuración do seu navegador, tal e como se explica a continuación.


Que facer se unha páxina web de Debian está no idioma equivocado

A primeira e máis común razón pola que un documento se recibe no idioma equivocado do servidor web de Debian é un navegador mal configurado. Consulte a sección sobre como configurar as opcións de idioma para arranxalo.

A segunda razón é unha caché rota ou mal configurada. Este é un problema crecente xa que cada vez máis ISPs ven o facer caché como unha forma de diminuír o tráfico na rede. Lea a nota sobre facer caché de servidores web inda que pense que non os usa.

A terceira razón é que exista un problema con www.debian.org. Só un puñado dos problemas sobre a recepción do idioma equivocado que se notificaron nos últimos anos foron debidos a un fallo pola nosa parte. Por iso lle suxerimos que investigue as dúas primeiras fontes de problemas en profundidade antes de contactar connosco. Se se atopa con que https://www.debian.org/ funciona, pero algunha das súas réplicas non, infórmenos e contactaremos cos mantedores da réplica.

Unha vez que arranxe calquera destes problemas, suxerímoslle que limpe a caché local (tanto en disco como en memoria) do seu navegador antes de tratar de ver as páxinas de novo. Tamén lle suxerimos usar lynx para probar. É o único navegador que atopamos que cumpre ao 100% coa especificación HTTP de negociación de contido.

Problemas potenciais cos servidores proxy

Os servidores proxy son basicamente servidores web que non teñen ningún contido por si mesmos. Póñense no medio entre os usuarios e os servidores web reais. Recollen as súas peticións de páxinas web e recollen a páxina. Despois, reenvíanlle a páxina, pero tamén se quedan cunha copia local (caché), para usar en posteriores peticións. Isto pode realmente reducir o tráfico da rede cando moitos usuarios piden a mesma páxina.

A maioría das veces isto é unha boa idea, pero falla cando a caché é defectuosa. En particular, algúns servidores proxy antigos non entenden a negociación de contido. Isto provca que fagan caché dunha páxina nun idioma, e ofrezan esa mesma máis tarde, incluso se se pide en outro idioma. A única solución é actualizar ou substituír o software de caché.

Historicamente, só se usaba un proxy cando se configuraba o navegador para usar un. Pero isto xa non é así. O seu ISP podería estar redirixindo todas as peticións HTTP a través dun proxy transparente. Se o proxy non manexa a negociación de contido correctamente, os usuarios poden recibir páxinas da caché no idioma equivocado. A única forma de arranxar isto é queixarse ao seu ISP para que arranxen ou substitúan o seu software.


Como configurar as opcións de idioma

Debería estabelecer o seu idioma preferido a todos os idiomas que fale, ordenados segundo as súas preferencias. É unha boa idea engadir o inglés ('en') como respaldo (de último na lista) porque o idioma orixinal das páxinas web de Debian é o inglés, e pode que non todos os documentos estean traducidos aos seus idiomas preferidos.

Por exemplo, se vostede é galego falante, pode estabelecer a súa variable de idioma para que inclúa o galego de primeiro (co código de idioma 'gl'), seguido polo castelán, se o prefire ao inglés (código de idioma 'es'), e finalmente o inglés (co código de idioma 'en').

Consulte a continuación as instrucións exactas para facer isto en navegadores concretos.

Como pode ver aí, a maioría dos navegadores ofreceranlle algún tipo de interface de usuario que esconderán algúns dos detalles sobre definir o seu idioma preferido. Se non é o caso, preste atención a unha importante simplificación feita no parágrafo anterior: se está definindo simplemente unha lista de idiomas como 'gl', 'es', 'en', isto inda non define unha preferencia, se non opcións coa mesma preferencia, e o servidor pode decidir ignorar a súa orde. Se quere especificar realmente unha preferencia, debe usar «valores de calidade», que son valores en punto flotante entre 0 e 1 onde os valores máis altos indican unha maior preferencia. Por tanto, no caso anterior probablemente deba usar algo como «gl; q=1.0, es; q=0.6, en; q=0.3».

Unha cousa coa que debe ter coidado é co uso de subcategorías dos idiomas. Usando «en-GB, fr», por exemplo, non fai o que moita xente esperaría (se non leu a especificación HTTP).

Recomendamos encarecidamente que non engada extensións de países a un idioma a menos que teña unha boa razón. Se engade unha, asegúrese de que tamén inclúe o idioma sen a extensión.

Explicación: Un servidor que recibe unha petición dun documento con idioma preferido «en-GB, fr» non servirá a versión en inglés ('en') antes que a francesa. Só servirá a versión inglesa do documento antes que a francesa se existe unha versión do ficheiro con «en-GB» como extensión de idioma.

Por tanto, debería configurar o seu navegador para enviar «en-GB, en, fr» ou simplemente «en, fr». Si funciona no outro sentido, por exemplo un servidor pode devolver «en-us» se se pide «en».

Para obter máis información sobre estabelecer a variable de idioma preferido consulte a documentación de Apache sobre negociación de contido.

Estabelecer o idioma preferido nun navegador

Para estabelecer o idioma por defecto no seu navegador precisa definir unha variable que se lle pasa ao servidor web. Como facer isto depende do navegador que use.

Mozilla / Netscape 4.x ou versións posteriores
     Edit -> Preferences -> Navigator -> Languages
  
Nota: en Netscape 4.x debe asegurarse de que escolle o idioma de entre as opcións dispoñíbeis. Varias persoas informaron de problemas por escribir o idioma a man.
Mozilla Firefox
Versión 3.0 e posteriores:
Linux:
     Edit -> Preferences -> Content -> Languages -> Choose...
  
Windows:
     Tools -> Options -> Content -> Languages -> Choose...
  
Mac OS:
     Firefox -> Preferences -> Content -> Languages -> Choose...
  

Versión 1.5 e posteriores:
Linux:
     Edit -> Preferences -> Advanced -> General -> Edit Languages
  
Windows:
     Tools -> Options -> Advanced -> General -> Edit Languages
  

Versión 0.9 e posteriores:
Linux:
     Edit -> Preferences -> General -> Languages
  
Windows:
     Tools -> Options -> General -> Languages
  
En versións máis antigas debe ir a about:config e cambiar o valor de intl.accept_languages.
Iceweasel
     Edit -> Preferences -> Content -> Languages -> Choose
  
Internet Explorer
Windows:
     Tools ou View ou Extras -> Internet Options -> (General) Languages
  
Mac OS:
     Edit -> Preferences -> Web Browser -> Language/Fonts
  
Pocket Internet Explorer
     Crear a chave do rexistro de tipo cadea AcceptLanguage en
     HKEY_CURRENT_USER\Software\Microsoft\Internet Explorer\International\
     co valor gl; q=1.0, es; q=0.6, en; q=0.3 (sen comiñas).
  
Opera
Na maioría das versións:
     File -> Preferences -> Languages
  
Linux/*BSD versións 5.x e 6.x:
     File -> Preferences -> Document -> Languages
  
Nokia 770 Web Browser: Edite o ficheiro «/home/user/.opera/opera.ini» e engada a seguinte liña na sección [Adv User Prefs]:
     HTTP Accept Language=gl; q=1.0, es; q=0.6, en; q=0.3
  
Galeon
     Settings -> Preferences -> Rendering -> Languages
  
Epiphany
     Edit -> Preferences -> Language -> Languages
  
Konqueror
Se quere estabelecer só un idioma, debería ser sinxelo tan pronto como o fallo #358459 se arranxe. Simplemente escóllao no centro de control de KDE e reinicie a sesión para que se apliquen os cambios.
Se quere ter varios idiomas ou precisa esquivar o fallo mencionado, terá que editar o seu ficheiro ~/.kde/share/config/kio_httprc e incluír unha liña como a seguinte:
     Languages=gl; q=1.0, es; q=0.6, en; q=0.3
  
lynx
Pode ou ben editar a variable preferred_language no seu ficheiro .lynxrc ou estabelecelo usando a orde 'O' mentres está en «lynx».

Por exemplo, pode usar a seguinte liña no seu ficheiro .lynxrc

  preferred_language=gl; q=1.0, es; q=0.6, en; q=0.3
  
W3 (navegador web baseado en «emacs»)
(setq url-mime-language-string  "preferred_language=gl; q=1.0, es; q=0.6, en; q=0.3")
ou use o paquete personalizado (asumindo a versión de URL p4.0pre.14):
Hypermedia -> URL -> Mime -> Mime Language String...
iCab
     Edit -> Preferences -> Browser -> Fonts,Languages
  
W3M
     Options (o) -> Other Behavior -> Accept-Language
  
Safari
Safari usa o sistema de preferencias de Mac OS X para determinar o seu idioma preferido:
    System preferences -> International -> Language
  
ELinks
Pode estabelecer o idioma da interface por defecto en:
    Setup -> Language
  
Isto tamén cambiará o idioma pedido aos sitios web. Pode cambiar este comportamento e axustar a variable de idiomas aceptados de HTTP en:
    Setup -> Options manager -> Protocols -> HTTP
  
Netscape 3.x
Engada
     *httpAcceptLanguage: [preferred_language string]
  
ao ficheiro «app-defaults» de Netscape ou a ~/.Xresources
IBrowse
Vaia a «Preferences», despois «Settings», despois «Network». Baixo «Accept language» mostrará un «*» por defecto. Se pulsa no botón «Locale» debería engadir o seu idioma preferido. Se non, pode introducilo manualmente. Despois diso pulse «OK».
Voyager
Vaia a «Settings» e despois a «Languages». Pode introducilo manualmente ou pulsar en «Get from locale». Pulse «OK» cando acabe.
Chromium
Customize and control Chromium -> Options -> Under the Hood -> Web content -> Change font and language settings -> Languages

Se ten información sobre como configurar un navegador que non estea listado arriba, por favor, envíea a [email protected].